mércores, 18 de outubro de 2017

Benvida Martín Códax!

Benvida Martín Códax!



A semana pasada, nas nosas aulas de 3º e 4º da ESO, traballamos con textos recollidos no Pergamiño Vindel, que estes días chegou á nosa cidade (Museo do Mar) por primeira vez na súa historia dende que foi descuberto, aló polo ano 1914. 

Asemade, coñecemos a historia deste documento tan especial e importante para as nosas letras, dende a súa descuberta, a súa historia ou as súas peculiaridades (como as anotacións musicais). Por outra banda, tamén descubrimos algo máis sobre a (escasa) biografía de Martín Códax,  xograr galego que probablemente fose natural da contorna do que hoxe coñecemos como Concello de Vigo.

Para facermos unha clase máis motivadora, na nosa aula de 4º da ESO fixemos uns pequenos vídeos para darlle a benvida ao Pergamiño Vindel dende o Colexio San Fernando Vigo. Nestes vídeos, o alumnado fixo unha pequena presentación contando que é o Pergamiño e introducindo algo de historia sobre a personaxe de Martín Códax. 

Finalmente, despois do proceso de edición realizado polo profesor, no día de onte realizamos un visionado do antedito vídeo na nosa clase de 4º da ESO e descubrimos algunhas das claves para facermos unha creación audiovisual propia, nas que seguiremos afondando ao longo do curso para rematar o mesmo sabendo facer un vídeo de calquera clase (divulgación, documental, humorístico, informativo...).  No resultado final do vídeo, tamén mesturamos fotos lexendadas e música de fondo relacionada coas gravacións audiovisuais propias, para comprendermos mellor o paso desta xoia da nosa literatura e para darlle maior dinamismo ao vídeo.

Agardo que vos preste a nosa primeira creación audiovisual xuntxs!


  • Benvida ao Pergamiño Vindel no Colexio San Fernando Vigo (4º da ESO)


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...