venres, 22 de decembro de 2017

Chegou o Apalpador

Chegou o Apalpador!



O día da festa de Nadal tivemos unha visita especial no Cole San Fernando. Chegado dende as montañas luguesas, visitounos o Apalpador do Caurel, un home bonachón e moi simpático que nos encheu a rir coas súas coplas e a súa ledicia.

Tamén repartiu os agasallos ás máis peques e tivo a inestimable colaboración do Papá Noel, chegado dende terras nórdicas...

A verdade, que fixeron unha moi boa parella estes dous galopíns...

Viva o Apalpadoor!

mércores, 6 de decembro de 2017

Concurso Vindevídeos

Benvido Martín Códax!


O grupo de 4º ESO do Colexio Plurilingüe San Fernando participa no concurso Vindevídeos, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Secretaría Xeral de Cultura da Concellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco da programación conmemorativa do Pergamiño Vindel.

O alumnado de 4º da ESO do Colexio San Fernando concursa con este vídeo de tres minutos que nos mostra unha dramatización da historia do Pergamiño Vindel. Neste proxecto educativo que durou tres semanas, o alumnado coñeceu diferentes conceptos relacionados coa linguaxe audiovisual, alén de ter que traballar en grupo nas diferentes fases de gravación. Dirección, produción, guionistas, fotografía e montaxe foron os cinco grupos en que dividimos o traballo que había que realizar.

No vídeo, non só traballamos a parte literaria (co coñecemento da historia do Pergamiño e o seu contido), senón que, a través do recitado de poesías inventadas polo propio alumnado, practicamos conceptos poéticos un pouco esquecidos como a sinalefa, o conteo silábico ou outros recursos que empregamos sen decatarnos. Na última parte do vídeo, tamén cantamos unhas regueifas coa melodía posta en voga polo regueifeiro Pinto d´Herbón e que actualmente empregan outras experiencias educativas como a Regueifesta.

Ademais, á parte da materia de Lingua e literatura galega tamén implicamos as de Tecnoloxía (para a montaxe) ou as de Lingua Castelá e Cultura Clásica, debido ás relacións evidentes con ambas as dúas (creación poética, historia das cantigas).

Despois de tres semanas de duro traballo (preprodución, produción e posprodución), podemos dicir que pagou a pena.

Dende o Cole San Fernando Vigo berramos alto e forte:

BENVIDO Pergamiño Vindel!
BENVIDO  MARTÍN CÓDAX!






Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...