martes, 31 de outubro de 2017

Vigo Literario (2ª parte)

Vigo Literario (4º ESO)


Desta volta o grupo de 4º de ESO tamén realizou o obradoiro de Literatura Galega impartido por Beatriz Collazo, membro da Cooperativa Trespés. Neste obradoiro (realizado o 31 de outubro) coñeceron algo máis sobre a historia da nosa cidade e da literatura que está relacionada con ela.

O obradoiro, ao igual que na sesión con 3º da ESO, constou dunha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, a portuguesa ou a inglesa. Posteriormente, falamos de cuestións como a evolución urbana e social da cidade.


Tamén houbo outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos da obra "Os fillos do mar", de Pedro Feijoo, que ten como marco diferentes espazos de Vigo, tentouse que o alumnado fose quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Para isto,
utilizouse a aplicación para a confección de mapas interactivos, chamada Ikimap.

Deixo por aquí a ligazón aos documentos cos que traballamos neste obradoiro:

mércores, 25 de outubro de 2017

Vigo Literario

Vigo Literario




O pasado martes, o noso grupo de 3º de ESO participou nun obradoiro de Literatura Galega, concedido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e impartido por Beatriz Collazo, membro da Cooperativa Trespés. Neste obradoiro puidemos coñecer algo máis sobre a historia da nosa cidade e da literatura que está relacionada con ela.

O obradoiro constou dunha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, a portuguesa ou a inglesa. Posteriormente, falamos de cuestións como a evolución urbana e social da cidade.


Para rematar, houbo outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos da obra "Os fillos do mar", de Pedro Feijoo, que ten como marco diferentes espazos de Vigo, tentouse que o alumnado fose quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Para isto, utilizouse a aplicación para a confección de mapas interactivos, chamada Ikimap.

Deixo por aquí a ligazón aos documentos cos que traballamos neste obradoiro:



luns, 23 de outubro de 2017

#DíaDasBibliotecas

Día das bibliotecas


Mañá, 24 de outubro, celebrarase o Día das Bibliotecas e para facelo, no noso grupo de 3º da ESO realizaremos un Obradoiro sobre literatura galega titulado "Vigo Literario", solicitado e concedido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo para os cursos de 3º e 4º da ESO (con 4º realizarase o día 2/11/17).

Este obradoiro pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo, facer visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social e dar a coñecer a propia cidade e a súa historia.

O obradoiro inclúe unha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, portuguesa, inglesa. Trataranse cuestións como a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra.

Haberá unha outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos de obras literarias de diferentes épocas, e que teñan como marco diferentes espazos de Vigo, trataremos de que o alumnado sexa quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Utilizaríamos ferramentas dixitais para a confección de mapas interactivos, como Ikimap.

Duración: 1 hora e 30 minutos
Dirixido a: alumnado de 3.º, 4.º ESO
Lugar de realización da actividade: no propio centro de ensino
Necesidades técnicas da actividade: aula de informática, proxector de vídeo

Chega o Samaín!

O SAMAÍN




Vai rematando outubro e con el achégase unha das festas máis senlleiras da nosa tradición. É tempo de recoller cogomelos, de comer castañas nos magostos, de contar contos ao pe do lume... é tempo de Samaín.

O Samaín é unha festividade de orixe celta que celebraba o final da época de colleitas e o ano novo, que era o anoitecer do día 31 de outubro, xa que coa posta do sol arrincaba un novo día na cultura celta. Os celtas dividían o ano en dúas metades: a luminosa e a escura; o inverno e o verán. Samhain (en gaélico) é traducido por "novembro" ou "fin do verán" e é celebrado dende hai máis de 300 anos polos celtas que poboaron Europa.

Esta festividade está relacionada moi directamente co mundo dos mortos. Os celtas crían que, esa noite, unha “porta” se abría e o mundo dos vivos quedaba en comunicación co dos mortos, polo menos por unhas horas. Durante este período non se podía saír da aldea, pois as ánimas dos finados volvían visitar as súas familias e as súas vellas casas para se quentaren ao carón do lume e comer dos alimentos que con agarimo lles tiñan preparados os parentes. Durante esas horas, podíase tocar, apalpar e ata traspasar ao mundo dos mortos. Por iso tamén se facían fogueiras, que se acendían para poder guiar os mortos na escuridade da noite e para que atopasen os seus parentes e fogares.
Kawsasqanchis

Esta celebración (que duraba ao redor dunha semana) tamén tivo unha vixilia o día anterior á festa de Todos os Santos que, dentro da cultura inglesa, se traduciu como "all hallow´s eve" (vixilia de todos os santos). O paso do tempo fixo que a pronuncia rematase como Halloween. A mediadios do século XVIII, os emigrantes irlendeses comezan a chegar a Norteamérica, levando consigo a súa cultura e as súas tradicións.

Hoxe en día, o Samaín celébrase en todo o mundo: en Norteamérica coñécese co nome de Día dos Mortos, en Europa igual; en Asia chámase Festival de Obon; en Sudamérica, Kawsasqanchis e, en África, Baile dos Egungun.


Para saber máis sobre o Samaín deixo por aquí as seguintes ligazóns:


mércores, 18 de outubro de 2017

Benvida Martín Códax!

Benvida Martín Códax!



A semana pasada, nas nosas aulas de 3º e 4º da ESO, traballamos con textos recollidos no Pergamiño Vindel, que estes días chegou á nosa cidade (Museo do Mar) por primeira vez na súa historia dende que foi descuberto, aló polo ano 1914. 

Asemade, coñecemos a historia deste documento tan especial e importante para as nosas letras, dende a súa descuberta, a súa historia ou as súas peculiaridades (como as anotacións musicais). Por outra banda, tamén descubrimos algo máis sobre a (escasa) biografía de Martín Códax,  xograr galego que probablemente fose natural da contorna do que hoxe coñecemos como Concello de Vigo.

Para facermos unha clase máis motivadora, na nosa aula de 4º da ESO fixemos uns pequenos vídeos para darlle a benvida ao Pergamiño Vindel dende o Colexio San Fernando Vigo. Nestes vídeos, o alumnado fixo unha pequena presentación contando que é o Pergamiño e introducindo algo de historia sobre a personaxe de Martín Códax. 

Finalmente, despois do proceso de edición realizado polo profesor, no día de onte realizamos un visionado do antedito vídeo na nosa clase de 4º da ESO e descubrimos algunhas das claves para facermos unha creación audiovisual propia, nas que seguiremos afondando ao longo do curso para rematar o mesmo sabendo facer un vídeo de calquera clase (divulgación, documental, humorístico, informativo...).  No resultado final do vídeo, tamén mesturamos fotos lexendadas e música de fondo relacionada coas gravacións audiovisuais propias, para comprendermos mellor o paso desta xoia da nosa literatura e para darlle maior dinamismo ao vídeo.

Agardo que vos preste a nosa primeira creación audiovisual xuntxs!


  • Benvida ao Pergamiño Vindel no Colexio San Fernando Vigo (4º da ESO)


martes, 17 de outubro de 2017

Lumes Nunca Máis

Incendios Nunca Máis



Ante o desastre en forma de incendios que nos azoutou esta pasada fin de semana, nas nosas aulas promovimos un debate sobre as causas, consecuencias e posibles solucións que temos nas nosas mans para evitar os incendios forestais e coidar ao máximo os nosos montes. 

Alén de debater sobre estes factores que axudan a propagación do lume, tamén falamos sobre xeografía dos montes galegos (nomeadamente os máis próximos á cidade de Vigo), léxico relacionado co lume e cos incendios e mesmo algo de toponimia relacionada cos lugares onde o lume foi máis devastador.

Para darlle un repaso a este tema, deixo por aquí unha Unidade Didáctica da AS-PG titulada "Non queimes o futuro", que traballaremosno día de hoxe nas nosas aulas de 4º da ESO:

Unidade Didáctica "Non queimes o futuro"

venres, 6 de outubro de 2017

O Pergamiño Vindel

O Pergamiño Vindel


O Pergamiño Vindel
Nas nosas clases de 3º ESO, este ano achegarémonos, entre outras cousas, á literatura medieval galaico - portuguesa e, en concreto, á lírica trobadoresca dos séculos XII-XIII-XIV. Entre as composicións que sobreviviron a esa época está un pequeno pergamiño atopado a comezos do século pasado chamado o Pergamiño Vindel

Este pergamiño datado a finais do século XIII ou principios do XIV, contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. Esta é a primeira vez que o pergamiño abandona Nova York desde que foi depositado no Morgan Library Museum e a primeira vez que volve a Galicia dende que foi descuberto.

Ademais, este ano tentaremos facer unha visita guiada ao Museo do Mar para vermos esta xoia da nosa literatura, considerada unha das máis importantes de toda a literatura universal.


Déixovos agunhas ligazóns onde poderedes atopar información sobre a chegada do Pergamiño Vindel.

  • Xornal Praza: "O 'Pergamiño Vindel' xa viaxa camiño de Vigo"
  • TVG: "O Pergamiño Vindel xa está en Vigo"


Tamén deixo aquí información sobre que é o Pergamiño Vindel, cando foi atopado e as cantigas que contén no seu interior:
  • Historia de Galicia "A historia do Pergamiño Vindel, un dos ADNs da lingua galega"


Finalmente, déixovos información sobre Martín Códax e algunha ligazón aos seus textos musicados:
  • Biografía de Martín Códax
http://pasouoquepasou.crtvg.es/content/biografia-de-martin-codax
  • Son de poetas (Poemas musicados)


Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...