xoves, 28 de setembro de 2017

Día Europeo das Linguas

Día Europeo das Linguas


O martes pasado foi o Día Europeo das Linguas http://edl.ecml.at/Portals/33/documents/flyer/EDL-flyer-GAL.pdf e nas aulas de  4º da ESO traballamos con textos escritos en distintas linguas faladas na nosa contorna, como o inglés e o portugués. 

En primeiro lugar, unha alumna leu en inglés unha historia sobre a orixe e evolución da lingua galega e o resto do grupo foi traducindo ao galego o que se ía dicindo.

Despois o profesor leu en galego un texto en portugués sacado do Atlas das línguas, onde descubrimos máis de 20 linguas minoritarias de europa, o seu número de falantes e a súa situación hoxe en día.

Tamén nos achegamos ao concepto de Lingua Minoritaria e cada alumno e alumna tivo que facer un pequeno traballo sobre unha lingua minoritaria de Europa entre as que estaban o gascón, o friulano, o irlandés, o euskera, o catalán ou o galego.

Déixovos aquí un vídeo sobre a importancia da diversidade lingüística sacado dun programa que se emitiu durante moitos anos na TVG chamado Ben Falado.

Agardo que vos guste!







Xornada Ciclista

Xornada Ciclista


Hoxe tivemos a visita do Club Ciclista Teis que nos conciencia cada ano nos beneficios que supón andar na bicicleta. Iso si, hai que facelo con sentidiño, e para iso aquí vos deixo un par de vídeos sobre educación viaria para calquera ciclista que saia coa bici a dar un paseo.

Respecta os demais e serás respectad@! E na estrada, moito ollo!








Tamén achego neste post un pequeno vocabulario sobre a bicicleta co que traballamos tanto en 3º como en 4º da ESO. Como poderedes comprobar, aparecen dúas palabras en cada liña, a da esquerda en castelán e a da dereita en galego.



domingo, 24 de setembro de 2017

Avaliación

Criterios e instrumentos de avaliación

Probas escritas (50%): faremos dúas por avaliación, unha ao metade da mesma (na que entrarán dous temas, un de lingua e outro de literatura), que se distribuirán e puntuarán da seguinte maneira:
  • 1ª proba: (finais de outubro/ppios. de nov): entrará a metade da materia vista ata ese momento. Tamén nos servirá de control de avaliación do noso alumnado. Contará un 40% da nota final das probas e a persoa que suspenda esta parte poderá recuperala na proba final da avaliación.
  • 2ª proba: (mediados decembro): entrará a outra metade da materia para as persoas que superasen a primeira e toda a materia da avaliación para as persoas que a suspendesen. Contará un 60% da nota final das probas escritas para as persoas que sacasen mínimo un 5 na 1ª proba.

Traballo na casa (20%): o traballo feito na casa terá dúas vertentes, unha será o traballo individual (10%) e outra será o traballo grupal (10%), preciso para algún dos traballos que proporemos para estes cursos

Traballo na aula (20%): o traballo na aula será valorado cun 20% e dividirase nos seguintes apartados:
  • Exercicios diarios: o profesor será o encargado do control diario da libreta de aula e dos exercicios ou encomendas que se manden para a casa (10%)
  • Actitude na aula: un moi importante punto, xa que será necesario ter una boa actitude na aula para acadar un bo ambiente entre o alumnado; nun clima de respecto ao compañeiro e de cooperación cos demais (10%)

Lectura libro (10%): tamén proporemos a lectura dun libro por avaliación que contará un 10% da nota final.  Na proba final de cada avaliación haberá una serie de preguntas para comprobar o coñecemento do antedito libro de lectura.


martes, 19 de setembro de 2017

Planificación de contidos

Planificación de contidos


Deixo por aquí as ligazóns aos documentos que detallan os contidos que teremos que ver en cada avaliación tanto en 3º como en 4º da ESO:

LINGUA GALEGA SAN FERNANDO  3º ESO.docx



LINGUA GALEGA SAN FERNANDO 4º ESO.docx


mércores, 13 de setembro de 2017

Eu tamén navegar

D.E.P Xohana Torres



No día de hoxe soubemos do pasamento dunha das poetas, narradoras e dramaturgas máis recoñecidas e senlleiras da literatura galega. Nada en Santiago de Compostela e afincada na nosa cidade, morreu no día de onte con 86 anos de idade e deixando un legado inesquecible nas nosas letras. Pertencente á Xeración das Festas Minervais, será contido de estudo nas nosas aulas de Literetura Galega de 4º da ESO, polo que vos deixo cun dos seus poemas máis coñecidos que comentaremos na aula no momento que tratemos esta xeración literaria.

PENÉLOPE

DECLARA o oráculo

"Que a banda do solpor é mar de mortos
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons".

Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMÉN NAVEGAR.

Xohana Torres, Tempo de ría (1992)

Deixo por aquí tamén unhas pequenas notas biográficas e algún vídeo para que busquedes información sobre ela e sobre a súa obra:

Álbum de mulleres, Xohana Torres

Tamén pouso por aquí un vídeo documental sobre a figura de Xohana Torres, elaborado polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do IES Fontexería (Muros) coa colaboración do seu alumnado:







luns, 4 de setembro de 2017

Comeza o curso 2017/2018!

Arrincamos o curso 2017/2018 cun pouquiño de música galega. Déixovos con Ses, unha das mellores cantantes galegas da actualidade:


domingo, 3 de setembro de 2017

Encetamos a viaxe!




Aquí comeza este humilde blog sobre lingua e literatura galega, dedicado ao alumnado de 3º e 4º da ESO do Colexio Plurilingüe San Fernando de Vigo.

Nel poderedes atopar numerosos recursos para traballar coa nosa lingua, dende dicionarios, gramáticas, traductores, páxinas de interese... e moitas outras que nos axudarán para realizar as nosas actividades.

En canto á literatura, tamén achegaremos diferentes recursos, dende fragmentos ou pezas literarias que nos interesen para as nosas aulas, como comentarios de texto realizados na clase que sirvan como exemplo ao noso alumnado.

Por outra banda, tamén incidiremos en contidos históricos, xeográficos, culturais e patrimoniais, polo que achegaremos diferentes ligazóns que nos permitan coñecer a nosa realidade cultural galega.

Será unha viaxe emocionante...

Anímaste¿?

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...