luns, 21 de maio de 2018

Finalistas

A xustiza pola man - Finalistas Concurso de Videopoemas


O noso grupo de 3º ESO, que participou no concurso de videopoemas sobre Manuel María e Rosalía de Castro que celebra todos os anos a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo), clasificouse para a final que tivo lugar o pasado sábado 19 na mesma Casa-Museo.

Pase do noso vídeo no acto da Final (19/5/18)

Na final, nun acto realizado en Outeiro de Rei, puidemos ver as diferentes creacións audiovisuais escollidas para a final, entre as que se atopaba o noso rappoema "A xustiza pola man" sobre a composición poética de Rosalía de Castro, co que participamos no concurso.







Foi todo un orgullo ver como nomeaban o noso centro e a nosa participación. Ademais, polo simple feito de participar levamos un Diploma de lembranza para cada unha das persoas participantes no video e tamén un libro de Manuel María moi interesante, co que traballaremos na aula.

Finalmente, non gañamos o premio final (unha tablet), xa que d@s 17 finalistas só gañaban 2... mais o noso premio foi a simple participación, pois fixemos un traballo en grupo ben xeitoso onde participamos e aprendemos colaborativamente. E aínda por riba, chegamos á final e levamos un premio e un diploma... que máis podemos pedir? Neste caso, toca ser humilde e deportivo, polo que damos os parabéns aos traballos premiados e tentaremos participar novamente o ano vindeiro...

Ante todo deportividade!

Diplomas e premios acadados



Deixo por aquí unha ligazón ás fotos que fixemos na realización do vídeo e no día da final en Outeiro de Rei:









Deixamos por aquí a ligazón aos dous vídeos gañadores do concurso:






xoves, 17 de maio de 2018

Letras Galegas 2018

Letras Galegas 2018 - Mª Victoria Moreno


O Colexio San Fernando festexou o Día das Letras Galegas por todo o alto, cunha xornada dedicada moi especialmente á homenaxeada neste ano, a grandísima escritora e mestra Mª Victoria Moreno Márquez. 

@s Salgueiriñ@s
Foi unha xornada moi especial que arrincou coa actuación do grupo de música tradicional do Colexio, @s Salgueiriñ@s, que comezaron o acto coa peza "A Rianxeira", para facer entrar en calor ao público presente.

Acto seguido entraron en xogo os grupos de infantil, coa lectura duns poemas corais do alumnado de 3, 4 e 5 aniños... Que xeitos@s falando galego! Para continuar o acto demos paso ás regueifas que tiñan preparadas os grupos de 3º e 4º da ESO sobra a nosa querida Mª Victoria e sobre o Día das Letras en xeral. 

No celme do acto houbo dúas actuacións memorables, a obra de teatro baseada na obra "A festa no faiado", representada polos grupos de 1º e 2º da ESO, e ademais o rap de Mª Victoria preparado polos grupos de 5º e 6º de primaria. Tamén houbo un xogo de "Pasapalabra" moi divertido e unha "Pictobiografía" moi interesante que prepararon os grupos de primaria.

Xa para rematar o acto, volveron a soar as regueifas no noso centro e o grupo tradicional do cole tocaría unha segunda peza, a ultracoñecida "A saia de Carolina", que fixo as delicias entre o público presente.

Pasámolo moi ben, cantando, xogando, falando e recitando en galego. Agardemos que en vez de un, algún día sexan os 365 do ano.


Falemos galego, na rúa e na escola!


Deixo por aquí o vídeo sobre este día que preparou a profe Pili:


luns, 14 de maio de 2018

Exame 3º ESO

Exame 3º ESO


Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 7 de maio que contou para a nota final da 3ª avaliación en 3º ESO.


Como poderedes comprobar todos os conceptos foron vistos na aula.


1. Pregunta sobre o Rexurdimento
2. Comentario dun poema de Rosalía de Castro visto na aula
3. Preguntas tipo test sobre o Rexurdimento
4. Exercicios de acentuación
5. Preguntas tipo verdadeiro/falso sobre a Reconquista

Todas as solucións están no libro de texto, neste blog e nas fotocopias entregadas.





Deixo o exame na seguinte ligazón:



Exame 4º ESO

Exame 4º ESO


Deixo por aquí o exame que realizamos o pasado día 7 de maio que contou para a nota final da 3ª avaliación en 4º ESO.

Como poderedes comprobar todos os conceptos foron vistos na aula.


1. Comentario breve dun poema vangardista  (visto na aula e no libro)
2. Esquema temático sobre parte da materia
3. Preguntas tipo verdadeiro/falso sobre a Reconquista
4. Exercicios de fonética/fonoloxía
5. Definicións de conceptos vistos na aula

Todas as solucións están no libro de texto, neste blog e nas fotocopias entregadas.



Deixo o exame na seguinte ligazón:

https://drive.google.com/file/d/1C1gIviFQhNd-cC1DGc7TGeJhzHvvo-F-/view?usp=sharing

venres, 4 de maio de 2018

A Acentuación en Galego

A Acentuación en Galego


Esta semana repasamos as regras da acentuación en galego na nosa aula de 3º ESO. Deixo por aquí algúns cadros e algunhas ligazóns a webs de interese para repasar este tema para o exame do luns, onde haberá unha pregunta sobre esta cuestión.


Vai primeiro este cadro coas regras de acentuación xerais:

Deixo agora un cadro sobre a acentuación diacrítica. Moitas palabras que se escriben igual en galego (homógrafas), presenbtan unha única diferencia: o acento diacrítico. Este acento colócase para poder diferenciar estas palabras entre si: 

Exemplo: á - a  // póla - pola // etc.

Vexamos un cadro onde aparecen estas palabras:



Para saber máis, deixo esta ligazón onde poderedes atopar máis información sobre a acentuación na nosa lingua.

A acentuación das palabras:

Agardo que vos valla para preparar o exame! Sorte para o luns!

domingo, 29 de abril de 2018

AudioLibro Anagnórise

AudioLibro Anagnórise


Achégase o día 17 de maio, o día das Letras Galegas, e nas nosas aulas xa estamos preparando a festa arredor das nosas letras. Na nosa clase de 4º ESO estamos realizando a lectura dunha das obras máis carismáticas da homenaxeada este ano, Mª Victoria Moreno.

En concreto, trátase da obra Anagnórise, que nos conta a historia dun rapaz, Nicolau, que escapa da súa casa e que, mentres fai autostop, é recollido por unha misteriosa muller que o levará cara ao seu destino, Madrid. No camiño irán coñecéndose un ao outro e irán sucedendo cousas que fagan mudar a historia...

Como traballo de aula, decideimos facer un AUDIOLIBRO, polo que estamos a colaborar todos e todas na súa lectura, á vez que o imos gravando para pendurar posteriormente nun podcast dunha canle de Ivoox.


A xustiza pola man

A xustiza pola man


Neste mes de abril estivemos traballando nas nosas aulas de 3º ESO o tema de literatura do Rexurdimento, onde nos achegamos á poesía de tres grandes autor@s das nosa letras como son Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

No caso de Rosalía, escoitamos poesías dela na aula dunha maneira especial, pois escoitamos o disco da rapeira viguesa AID, titulado Rappoemas, que contén poesías rapeadas de Rosalía de Castro. Desta maneira, o alumnado achégase á poesía dunha maneira máis amena e moderna que aumenta o seu interese e atención na aula.

E foi así que decidimos facer un experimento semellante. Aproveitando o concurso de videopoemas da Casa Museo Manuel María que estaba en vigor ata o día 21 de abril, decidimos facer nós unha poesía de Rosalía en versión rap, para presentar ao concurso. Para o vídeo escollemos a poesía "A xustiza pola man", á que lle engadimos algúns versos para axeitala ao noso grupo.

Deste xeito, a realización do vídeo tería os seguintes obxectivos
  • traballar en grupo
  • coñecer a poesía de Rosalía de Castro
  • mellorar a dicción e o recitado
  • aprender sobre linguaxe audiovisual
  • coñecer programas de edición de audio
  • coñecer programas de edición de vídeo
  • presentarnos ao concurso de videopoemas
E finalmente, fixémolo. Parabéns a tod@s @s que participastes!!!




Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...