Amosando publicacións coa etiqueta 4º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4º ESO. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de maio de 2018

Letras Galegas 2018

Letras Galegas 2018 - Mª Victoria Moreno


O Colexio San Fernando festexou o Día das Letras Galegas por todo o alto, cunha xornada dedicada moi especialmente á homenaxeada neste ano, a grandísima escritora e mestra Mª Victoria Moreno Márquez. 

@s Salgueiriñ@s
Foi unha xornada moi especial que arrincou coa actuación do grupo de música tradicional do Colexio, @s Salgueiriñ@s, que comezaron o acto coa peza "A Rianxeira", para facer entrar en calor ao público presente.

Acto seguido entraron en xogo os grupos de infantil, coa lectura duns poemas corais do alumnado de 3, 4 e 5 aniños... Que xeitos@s falando galego! Para continuar o acto demos paso ás regueifas que tiñan preparadas os grupos de 3º e 4º da ESO sobra a nosa querida Mª Victoria e sobre o Día das Letras en xeral. 

No celme do acto houbo dúas actuacións memorables, a obra de teatro baseada na obra "A festa no faiado", representada polos grupos de 1º e 2º da ESO, e ademais o rap de Mª Victoria preparado polos grupos de 5º e 6º de primaria. Tamén houbo un xogo de "Pasapalabra" moi divertido e unha "Pictobiografía" moi interesante que prepararon os grupos de primaria.

Xa para rematar o acto, volveron a soar as regueifas no noso centro e o grupo tradicional do cole tocaría unha segunda peza, a ultracoñecida "A saia de Carolina", que fixo as delicias entre o público presente.

Pasámolo moi ben, cantando, xogando, falando e recitando en galego. Agardemos que en vez de un, algún día sexan os 365 do ano.


Falemos galego, na rúa e na escola!


Deixo por aquí o vídeo sobre este día que preparou a profe Pili:


luns, 14 de maio de 2018

Exame 4º ESO

Exame 4º ESO


Deixo por aquí o exame que realizamos o pasado día 7 de maio que contou para a nota final da 3ª avaliación en 4º ESO.

Como poderedes comprobar todos os conceptos foron vistos na aula.


1. Comentario breve dun poema vangardista  (visto na aula e no libro)
2. Esquema temático sobre parte da materia
3. Preguntas tipo verdadeiro/falso sobre a Reconquista
4. Exercicios de fonética/fonoloxía
5. Definicións de conceptos vistos na aula

Todas as solucións están no libro de texto, neste blog e nas fotocopias entregadas.



Deixo o exame na seguinte ligazón:

https://drive.google.com/file/d/1C1gIviFQhNd-cC1DGc7TGeJhzHvvo-F-/view?usp=sharing

domingo, 29 de abril de 2018

AudioLibro Anagnórise

AudioLibro Anagnórise


Achégase o día 17 de maio, o día das Letras Galegas, e nas nosas aulas xa estamos preparando a festa arredor das nosas letras. Na nosa clase de 4º ESO estamos realizando a lectura dunha das obras máis carismáticas da homenaxeada este ano, Mª Victoria Moreno.

En concreto, trátase da obra Anagnórise, que nos conta a historia dun rapaz, Nicolau, que escapa da súa casa e que, mentres fai autostop, é recollido por unha misteriosa muller que o levará cara ao seu destino, Madrid. No camiño irán coñecéndose un ao outro e irán sucedendo cousas que fagan mudar a historia...

Como traballo de aula, decideimos facer un AUDIOLIBRO, polo que estamos a colaborar todos e todas na súa lectura, á vez que o imos gravando para pendurar posteriormente nun podcast dunha canle de Ivoox.


martes, 17 de abril de 2018

Narrativa de Pos-Guerra

Narrativa de Pos-Guerra


Hoxe estivemos vendo o tema da narrativa de pos-guerra na literatura galega que comezamos a semana pasada. Para facelo visualizamos dous videos, un de introdución do tema, no que coñecemos as obras e autores máis imporantes como Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro ou Blanco Amor.

Despois estivemos vendo unha curtametraxe que está baseada nun dos contos de Fole da súa obra cume, Á lus do candil. O título do conto é "O documento". Deixo por aquí unha ligazón á curtametraxe coa que seguiremos traballando esta semana...

xoves, 12 de abril de 2018

As Vangardas

A poesía de Vangarda


Na semana do 9 ao 13 de marzo estivemos vendo o tema da poesía de vangarda na Literatura galega (1920+), onde nos enfrentamos a textos das diferentes correntes vangardistas como o hilozoísmo (Amado Carballo), o neotrobadorismo (Noriega Varela) ou o creacionismo (Manuel Antonio). 

Deixo por aquí algúns vídeos onde se nos fala deste tema:

A poesía de Vangarda e os ismos:


As Vangardas:


domingo, 25 de marzo de 2018

Exame final 2ª Avaliación (4º ESO)

Exame final 2ª Avaliación (4º ESO)


Deixo por aquí o exame que realizamos o pasado día 19 de marzo que contou para a nota da 2ª avaliación en 3º ESO, e que foi parte fundamental da mesma.

Como vedes, foi un exame ben sinxelo, xa que todos os conceptos foron vistos repetidamente na aula.


Todas as solucións están no libro de texto, neste blog e nas fotocopias entregadas.

Nesta ligazón atoparedes o exame realizado o pasado 19 de marzo:

https://docs.google.com/document/d/15Vd6nDEoOS_qU7BqOlQsIyTy8t-T0dLuie5AdwQvRsk/edit?usp=sharing



xoves, 15 de marzo de 2018

REPASO PRONOME ÁTONO

REPASO PRONOME ÁTONO


Nestes días de finais da 2ªAVALIACIÓN, nas nosas aulas de 4º ESO estivemos repasando conceptos que van caer no exame, como a sintaxe e a colocación do pronome átono. 


Nos exercicios realizados repasamos un pouco as diferencias entre pronomes átonos e tónicos e fixemos moitos exercicios para recoñecelos nun texto.

Deixo por aquí os exercicios que realizamos e as solucións, para que lle botedes un ollo antes do exame do luns.


Exercicios:

https://docs.google.com/document/d/1mJ3ez4UnT51OOA7WH2hMgosROZ_AGX6zeBj0PKK8A3s/edit

Solucións:

https://docs.google.com/document/d/15YFrP3Oa164gq5KiF5RB2a8juSPdBqsFNoV7iJ4lsHg/edit?usp=drive_web&ouid=110305951312263088800

Moita sorte no exame o luns!

xoves, 15 de febreiro de 2018

Mamasunción

Mamasunción


No día de hoxe, nas nosas aulas de 4º da ESO gozamos coa visualización dunha das curtametraxes máis coñecidas e premiadas do cinema galego. 

A pequena xoia fílmica titúlase Mamasunción, e conta a historia dunha señora que vive nunha pequena aldea de Galicia a mediados do século pasado.

Despois do visionado da mesma, tivemos que facer un pequeno traballo recollendo:
  1. Temática e situación da curtametraxe
  2. Descrición dos personaxes: principais e secundarios
  3. Comentario persoal
Deixo por aquí a ligazón a esta xoia do patrimonio audiovisual galego:

venres, 9 de febreiro de 2018

Entroido

Viva o Entroido!



O pasado día 9 de febreiro comezamos as nosas vacacións de Entroido no Cole San Fernando e tivemos a nosa Festa de Disfraces de todos os anos.

Este ano, a temática dos disfraces foi a gastronómica polo que tivemos moitas variedades relacionadas con este ámbito.

Nas nosas aulas de lingua galega de secundaria preparamos o Entroido de dúas maneiras: 
  • facendo algunhas coplas retranqueiras para cantar o propio día nun concurso de coplas (cun obradoiro de regueifa previo)
  • fixemos unha introdución sobre o Entroido galego, onde falamos das súas tradicións e personaxes; reparando especialmente na do Merdeiro de Vigo.

Deixo por aquí a ligazón á presentación Prezy sobre o Entroido que vimos na aula:


Tamén vai por esta beira unha Unidade Didáctica para toda aquela persoa que desexe saber máis:


Finalmente, deixamos a ligazón a unha web relacionada coa figura do Merdeiro en Vigo:

mércores, 31 de xaneiro de 2018

Premios Literarios Minerva

Concurso de relatos MInerva


As primeiras semanas despois do Nadal traballamos a escrita creativa nas nosas aulas de 3º e 4º da ESO ,co obxectivo de aprendermos as características e os requirimentos que hai que ter en conta á hora de realizar un microrrelato ou un relato breve.


Nas nosas aulas de 3º da ESO divertímonos moito creando historias ao estilo "cadáver esquisito", onde unha persoa iniciou un relato e outra diferente tivo que rematalo.


En 4º da ESO, ademais do exercicio do cadáver exquisito, fixemos tamén outro relato a partir duns sons que puxemos na aula de Abalar, ao modo dos Sonigramas dun coñecido programa cultural da Radio Galega, neste caso xa de maneira individual. Desta maneira traballamos a nosa creatividade a partir duns sons encadeados, co que tivemos que deixar voar a nosa imaxinación....

Como xa sabedes, todos os anos se convoca o Premio Literario Minerva, organizado polo Colexio Peleteiro de Compostela e nós este ano decidimos participar. Neste caso, aproveitamos algúns dos relatos feitos nas nosas aulas para envialos a concurso, e desta maneira involucrarnos nas actividades propostas por outros centros educativos da nosa contorna.

Finalmente, debido á imposibilidade de participar toda o alumnado de 3º e 4º da ESO, fixemos unha selección e decidimos enviar tres representantes de cada curso. Aquí vos deixo as historias que enviamos a concurso no día de hoxe...

4º ESO:

Clara Estévez: "As escaleiras máxicas"


Aixa García: "Un soño moi real"

Hugo Fisteus: "Doces da Mina"

3º ESO:


Antonio Lago"A chamada telefónica"

Adrián Quirós: "O can Toby"

Daniel Rodríguez: "O ciclo sen fin"


Aquí deixo a ligazón á web do Colexio Peleteiro, onde se especifican as bases do concurso...


Moita sorte a tod@s @s participantes!!!!

luns, 29 de xaneiro de 2018

Colocación do pronome átono

O pronome átono 


Nestes días de finais de febreiro andivemos ás voltas cunhas das problemáticas detectadas na comunicación oral e escrita en lingua galega no noso alumnado, a colocación do pronome átono. 


Nas nosas aulas de 3º da ESO reparamos un pouco nas diferencias entre pronomes átonos e tónicos, repasamos o cadro dos pronomes átonos e fixemos moitos exercicios para recoñecelos nun texto. Tamén botamos un ollo á colocación destes na frase, onde aprendemos as regras de posicionamento dependendo do tipo de proposición onde que estean incluídos ou da clase de palabra que os acompañen. 

En 4º da ESO, pasamos a traballar directamente a colocación do pronome átono por medio dunhas fotocopias entregadas polo profesor.

Déixovos por aquí as fotocopias entregadas sobre a colocación do pronome átono en galego:



martes, 9 de xaneiro de 2018

O Microrrelato

O Microrrelato


Estes días á volta de Nadal, tanto nas nosas aulas de 3º como de 4 da ESO, achegámonos á escrita creativa e, máis concretamente, estamos comezando a traballar co microrrelato.

Para facelo fixemos un xogo moi divertido, máis coñecido por "cadáver exquisito", que consiste na creación de diferentes microrrelatos de maneira colaborativa.

Deste xeito, na primeira parte do xogo, cada persoa encargouse de comezar un microrrelato (con dúas liñas máximo). Na segunda parte do xogo, cada persoa tivo que rematar unha historia diferente á que comezara previamente, tendo tamén que poñerlle o título ao microrrelato resultante.

Estamos pasándoo moi ben creando as nosas pequenas historias, dándolle o xiro argumental final necesario a cada relato, sintetizando ao máximo, desbotando o innecesario e quedando coa esencia do que queremos contar...

De seguro que aprendemos moito e ademais, tentaremos empregar as nosas historias no Concurso Literario Minerva, que organiza o Colexio Peleteiro...

Aquí vos deixo unha Unidade Didáctica sobre o microrrelato coa que traballaremos este xoves nas nosas aulas de ordenadores: http://bit.ly/2AIo80C


Exame Final Decembro 4ºESO

Exame Final Decembro 4ºESO


Vai por aquí o exame que realizamos o pasado día 18 de decembro que foi parte fundamental na nota final recibida na 1ª avaliación.

Como vedes, foi un exame ben sinxelo, xa que todos os conceptos foron vistos na aula.

Agardo que vos sirva para practicar, o que non quita que na proba de recuperación de avaliación caian os mesmos exercicios, (aínda que si semellantes).

Ligazón ao Drive: http://bit.ly/2Fk6X96

mércores, 6 de decembro de 2017

Concurso Vindevídeos

Benvido Martín Códax!


O grupo de 4º ESO do Colexio Plurilingüe San Fernando participa no concurso Vindevídeos, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Secretaría Xeral de Cultura da Concellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco da programación conmemorativa do Pergamiño Vindel.

O alumnado de 4º da ESO do Colexio San Fernando concursa con este vídeo de tres minutos que nos mostra unha dramatización da historia do Pergamiño Vindel. Neste proxecto educativo que durou tres semanas, o alumnado coñeceu diferentes conceptos relacionados coa linguaxe audiovisual, alén de ter que traballar en grupo nas diferentes fases de gravación. Dirección, produción, guionistas, fotografía e montaxe foron os cinco grupos en que dividimos o traballo que había que realizar.

No vídeo, non só traballamos a parte literaria (co coñecemento da historia do Pergamiño e o seu contido), senón que, a través do recitado de poesías inventadas polo propio alumnado, practicamos conceptos poéticos un pouco esquecidos como a sinalefa, o conteo silábico ou outros recursos que empregamos sen decatarnos. Na última parte do vídeo, tamén cantamos unhas regueifas coa melodía posta en voga polo regueifeiro Pinto d´Herbón e que actualmente empregan outras experiencias educativas como a Regueifesta.

Ademais, á parte da materia de Lingua e literatura galega tamén implicamos as de Tecnoloxía (para a montaxe) ou as de Lingua Castelá e Cultura Clásica, debido ás relacións evidentes con ambas as dúas (creación poética, historia das cantigas).

Despois de tres semanas de duro traballo (preprodución, produción e posprodución), podemos dicir que pagou a pena.

Dende o Cole San Fernando Vigo berramos alto e forte:

BENVIDO Pergamiño Vindel!
BENVIDO  MARTÍN CÓDAX!






xoves, 30 de novembro de 2017

Proxecto Vindel

Proxecto Vindel


Hoxe 30 de novembro, rematamos a gravación do noso proxecto audiovisual co noso grupo de 4º da ESO. O Proxecto Vindel continúa agora, na súa fase final, a da edición e montaxe.

Hai dúas semanas comezamos un tedioso proceso de preprodución deste fermoso proxecto ao redor do Pergamiño Vindel e das cantigas de Martín Códax. Despois de moitas horas de gravación, guións, semella que o traballo vai dando froitos...
O Proxecto comezou a partir dun concurso da Consellería de Educación da Xunta de Galicia chamado Vindevídeos, e que propuña facer un vídeo coa temática das cantigas e do Pergamiño Vindel que está exposto nestes días no Museo do Mar de Vigo. 

Xa que nas nosas aulas de galego estabamos precisamente vendo os contidos da linguaxe audiovisual, decidimos mellorar un vídeo que fixeramos previamente sobre a mesma temática do Pergamiño. Ademais, pretendemos involucrar a materia de tecnoloxía para facermos o proceso de edición e de montaxe.

Por outra banda, alén dos contidos literarios e históricos que supón o achegamento á historia do Pergamiño e ás propias cantigas; o contacto coa linguaxe audiovisual e as súas carcterísticas, o traballo en equipo, a mellora das aptitudes poéticas, o manexo de programas de edición de vídeo e audio... serán, entre outros, as capacidades que estaremos traballando neste Proxecto Vindel.

Chegamos á ultima semana antes da entrega do vídeo.... chegaremos a tempo??? O día 11 de decembro é a data tope... Malo será!!


As mates que contan

"As mates que contan". Excursión ao CSIC


Hoxe saímos co noso grupo de 4º da ESO para facermos unha visita ao Centro de Investigacións Científicas Mariñas situado en Bouzas. En 1º lugar, nesta saída contáronnos que estamos arrodeados de microbios, tanto nos nosos alimentos ou no aire, como nos nosos corpos...

Tamén aprendemos moitas cousas relacionadas cos procesos de esterilización dos alimentos que comemos, onde a compoñente microbiana ten unha importancia clave. Entre outras cousas, fixemos un experimento con lévedos, no que puidemos comprobar como medran moito máis rapidamente cando teñen azucres dos que comer.


Por medio dunha charla moi amena das responsables do Centro, tamén coñecemos diferentes alimentos nos que se produce un proceso de estirilización ou pasteurización (leite) e outros nos que non.


Pero o realmente nos quixeron transmitir nesta sesión é como as matemáticas e os seus procesos formulísticos poden facilitarnos estes procedementos de esterilización. Hoxe en día os procesos cientifico-matematicos teñen avanzado moito, e por medio de modelos e fórmulas son quen de facer moitísimas probas para garantir a comestibilidade dun producto dentro dos parámetro correctos en canto a bacterias e a nutrintes.

A verdade que o pasamos moi ben no CSIC e aprendemos moito!!

sábado, 18 de novembro de 2017

Linguaxe audiovisual

Linguaxe audiovisual


Esta pasada semana, nas nosas aulas de 4º ESO, afondamos na linguaxe audiovisual e as súas compoñentes. Tamén aprendemos
as difenencias entre a liña argumental e a documental, así como a colocaciópn dos distintos tipos de plano, o que é unha toma, unha escena ou unha secuencia.

Ademais, coa sesíon de vídeo na aula de audiovisuais, puidemos ver as diferenzas que aparecen na linguaxe audiovisual dependendo a mensaxe que queiras transmitir. Non se empregan os mesmos recursos se queres transmitir unha mensaxe alegre que unha triste, ou algo máis seria. Cambia a luz, a velocidade, o tipo de planos, as cores...

Por unha banda, o pasado xoves, na aula de ordenadores pasamos un anuncio da famosa serie que leva facendo xa uns anos a marca de supermercados Gadis. Neste spot vimos un vídeo dinámico, con multitude de planos, aberto, con moita sensación de movemento... No outro vídeo de Unicef, pola contra, observamos un escenario máis pausado, máis monótono, menos "divertido", pero máis acorde para transmitir a realidade que presenta.

Deixo por aquí a Unidade Didáctica que estivemos vendo o xoves pasado sobre a linguaxe audiovisual que vos pode axudar na comprensión desta arte:

Ligazón ao documento: http://bit.ly/2zRJJaz

Tamén deixo outra Unidade, máis sinxela, con exercicios que nos poden axudar: http://bit.ly/2AfZpol

Finalemente, deixo os vídeos que analizamos na aula de audiovisuais, por se lle queredes volver botar unha ollada.

Vivamos como galegos! New York City:



Anano, UNICEF:



venres, 10 de novembro de 2017

Exame 4º ESO

EXAME 4º ESO


Por aquí vos deixo o exame que realizamos o pasado día 7 de novembro que contou para a nota da 1ª avaliación, e que foi parte fundamental na nota recibida nesta metade de avaliación que se celebra en novembro.

Como vedes, foi un exame ben fácil e sinxelo, xa que todos os concepto foron vistos na aula.

Agardo que vos sirva para practicar, o que non quita que na proba final de avaliación caian os mesmos exercicios, pero si semellantes.

Ligazón ao Drive: http://bit.ly/2iymgAO


mércores, 1 de novembro de 2017

Samaín

Samaín


O pasado Samaín (1 novembro) pasámolo moi ben no noso Colexio, xa que xogamos aos xogos populares cos máis peques e despois botamos unhas risotadas cos nosos contos de medo dramatizados que contamos co noso grupo de 3º da ESO. 

Tamén nos animamos a cantar unhas regueifas (vídeo en: http://bit.ly/2ita2tB) co noso grupo de 4º da ESO, co que pasamos un bo anaco botando unhas coplas retranqueiras sobre a rivalidade Halloween - Samaín.

Que viva o Samaín!
Que viva o Cole San Fernando!

Aquí deixo unhas fotiños do día.







Tamén dispoñemos do vídeo da regueifa que fixemos entre o profe e o curso de 4º da ESO, que aínda que non se escoita moi ben, non estivo mal para ser a primeira vez e non ter practicamente ensaio.

Por aquí volo deixo, espero que vos guste: http://bit.ly/2ita2tB




martes, 31 de outubro de 2017

Vigo Literario (2ª parte)

Vigo Literario (4º ESO)


Desta volta o grupo de 4º de ESO tamén realizou o obradoiro de Literatura Galega impartido por Beatriz Collazo, membro da Cooperativa Trespés. Neste obradoiro (realizado o 31 de outubro) coñeceron algo máis sobre a historia da nosa cidade e da literatura que está relacionada con ela.

O obradoiro, ao igual que na sesión con 3º da ESO, constou dunha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, a portuguesa ou a inglesa. Posteriormente, falamos de cuestións como a evolución urbana e social da cidade.


Tamén houbo outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos da obra "Os fillos do mar", de Pedro Feijoo, que ten como marco diferentes espazos de Vigo, tentouse que o alumnado fose quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Para isto,
utilizouse a aplicación para a confección de mapas interactivos, chamada Ikimap.

Deixo por aquí a ligazón aos documentos cos que traballamos neste obradoiro:

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...