Amosando publicacións coa etiqueta 3º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 3º ESO. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de maio de 2018

Finalistas

A xustiza pola man - Finalistas Concurso de Videopoemas


O noso grupo de 3º ESO, que participou no concurso de videopoemas sobre Manuel María e Rosalía de Castro que celebra todos os anos a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo), clasificouse para a final que tivo lugar o pasado sábado 19 na mesma Casa-Museo.

Pase do noso vídeo no acto da Final (19/5/18)

Na final, nun acto realizado en Outeiro de Rei, puidemos ver as diferentes creacións audiovisuais escollidas para a final, entre as que se atopaba o noso rappoema "A xustiza pola man" sobre a composición poética de Rosalía de Castro, co que participamos no concurso.







Foi todo un orgullo ver como nomeaban o noso centro e a nosa participación. Ademais, polo simple feito de participar levamos un Diploma de lembranza para cada unha das persoas participantes no video e tamén un libro de Manuel María moi interesante, co que traballaremos na aula.

Finalmente, non gañamos o premio final (unha tablet), xa que d@s 17 finalistas só gañaban 2... mais o noso premio foi a simple participación, pois fixemos un traballo en grupo ben xeitoso onde participamos e aprendemos colaborativamente. E aínda por riba, chegamos á final e levamos un premio e un diploma... que máis podemos pedir? Neste caso, toca ser humilde e deportivo, polo que damos os parabéns aos traballos premiados e tentaremos participar novamente o ano vindeiro...

Ante todo deportividade!

Diplomas e premios acadados



Deixo por aquí unha ligazón ás fotos que fixemos na realización do vídeo e no día da final en Outeiro de Rei:









Deixamos por aquí a ligazón aos dous vídeos gañadores do concurso:






xoves, 17 de maio de 2018

Letras Galegas 2018

Letras Galegas 2018 - Mª Victoria Moreno


O Colexio San Fernando festexou o Día das Letras Galegas por todo o alto, cunha xornada dedicada moi especialmente á homenaxeada neste ano, a grandísima escritora e mestra Mª Victoria Moreno Márquez. 

@s Salgueiriñ@s
Foi unha xornada moi especial que arrincou coa actuación do grupo de música tradicional do Colexio, @s Salgueiriñ@s, que comezaron o acto coa peza "A Rianxeira", para facer entrar en calor ao público presente.

Acto seguido entraron en xogo os grupos de infantil, coa lectura duns poemas corais do alumnado de 3, 4 e 5 aniños... Que xeitos@s falando galego! Para continuar o acto demos paso ás regueifas que tiñan preparadas os grupos de 3º e 4º da ESO sobra a nosa querida Mª Victoria e sobre o Día das Letras en xeral. 

No celme do acto houbo dúas actuacións memorables, a obra de teatro baseada na obra "A festa no faiado", representada polos grupos de 1º e 2º da ESO, e ademais o rap de Mª Victoria preparado polos grupos de 5º e 6º de primaria. Tamén houbo un xogo de "Pasapalabra" moi divertido e unha "Pictobiografía" moi interesante que prepararon os grupos de primaria.

Xa para rematar o acto, volveron a soar as regueifas no noso centro e o grupo tradicional do cole tocaría unha segunda peza, a ultracoñecida "A saia de Carolina", que fixo as delicias entre o público presente.

Pasámolo moi ben, cantando, xogando, falando e recitando en galego. Agardemos que en vez de un, algún día sexan os 365 do ano.


Falemos galego, na rúa e na escola!


Deixo por aquí o vídeo sobre este día que preparou a profe Pili:


luns, 14 de maio de 2018

Exame 3º ESO

Exame 3º ESO


Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 7 de maio que contou para a nota final da 3ª avaliación en 3º ESO.


Como poderedes comprobar todos os conceptos foron vistos na aula.


1. Pregunta sobre o Rexurdimento
2. Comentario dun poema de Rosalía de Castro visto na aula
3. Preguntas tipo test sobre o Rexurdimento
4. Exercicios de acentuación
5. Preguntas tipo verdadeiro/falso sobre a Reconquista

Todas as solucións están no libro de texto, neste blog e nas fotocopias entregadas.





Deixo o exame na seguinte ligazón:



venres, 4 de maio de 2018

A Acentuación en Galego

A Acentuación en Galego


Esta semana repasamos as regras da acentuación en galego na nosa aula de 3º ESO. Deixo por aquí algúns cadros e algunhas ligazóns a webs de interese para repasar este tema para o exame do luns, onde haberá unha pregunta sobre esta cuestión.


Vai primeiro este cadro coas regras de acentuación xerais:

Deixo agora un cadro sobre a acentuación diacrítica. Moitas palabras que se escriben igual en galego (homógrafas), presenbtan unha única diferencia: o acento diacrítico. Este acento colócase para poder diferenciar estas palabras entre si: 

Exemplo: á - a  // póla - pola // etc.

Vexamos un cadro onde aparecen estas palabras:



Para saber máis, deixo esta ligazón onde poderedes atopar máis información sobre a acentuación na nosa lingua.

A acentuación das palabras:

Agardo que vos valla para preparar o exame! Sorte para o luns!

domingo, 29 de abril de 2018

A xustiza pola man

A xustiza pola man


Neste mes de abril estivemos traballando nas nosas aulas de 3º ESO o tema de literatura do Rexurdimento, onde nos achegamos á poesía de tres grandes autor@s das nosa letras como son Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.

No caso de Rosalía, escoitamos poesías dela na aula dunha maneira especial, pois escoitamos o disco da rapeira viguesa AID, titulado Rappoemas, que contén poesías rapeadas de Rosalía de Castro. Desta maneira, o alumnado achégase á poesía dunha maneira máis amena e moderna que aumenta o seu interese e atención na aula.

E foi así que decidimos facer un experimento semellante. Aproveitando o concurso de videopoemas da Casa Museo Manuel María que estaba en vigor ata o día 21 de abril, decidimos facer nós unha poesía de Rosalía en versión rap, para presentar ao concurso. Para o vídeo escollemos a poesía "A xustiza pola man", á que lle engadimos algúns versos para axeitala ao noso grupo.

Deste xeito, a realización do vídeo tería os seguintes obxectivos
  • traballar en grupo
  • coñecer a poesía de Rosalía de Castro
  • mellorar a dicción e o recitado
  • aprender sobre linguaxe audiovisual
  • coñecer programas de edición de audio
  • coñecer programas de edición de vídeo
  • presentarnos ao concurso de videopoemas
E finalmente, fixémolo. Parabéns a tod@s @s que participastes!!!




venres, 13 de abril de 2018

O Rexurdimento

O Rexurdimento (1863+)

Nestas semanas estivémonos achegando nas nosas aulas de 3º ESo a unha época imprescindible na nosa literatura: O Rexurdimento (1863+).

Ademais de reparar na situación sociopolítica e económica de Galicia neses anos, comezamos falando das primeiras obras do Pre-Rexurdimento para adentrarnos xa no propio movemento en si, coa obra de Rosalía de Castro, Cantares Gallegos (1863)

Deixo por aquí algús vídeos que poden servir de apoio:



Tamén deixo a poesía de Rosalía "A xustiza pola man", cantada pola rapeira viguesa AID, que traballamos na aula e coa que temos pensado facer un vídeo:

domingo, 25 de marzo de 2018

Exame 3º ESO

Exame final 2ª Avaliación (3º ESO)


Deixo por aquí o exame que realizamos o pasado día 20 de marzo que contou para a nota da 2ª avaliación en 3º ESO, e que foi parte fundamental da mesma.

Como vedes, foi un exame ben sinxelo, xa que todos os conceptos foron vistos repetidamente na aula.

1. Comentario breve de dúas cantigas (como as vistas na aula e no libro)
2. Preguntas tipo test sobre a parte final da lírica trobadoresca galaico-portuguesa
3. Breve exercicio sobre as estratexias publicitarias
4. Exercicios sobre o pronome
5. Exercicios sobre o pronome

Todas as solucións están no libro de texto, neste blog e nas fotocopias entregadas.

Nesta ligazón atoparedes o exame resolto realizado o martes pasado:

https://docs.google.com/document/d/1LY0PRYZ7hUmTeaFmAFGl1BbJGd8KDX-PYKeXTW82tDQ/edit?usp=sharing

xoves, 15 de marzo de 2018

Séculos Escuros

Séculos Escuros


Esta semana estivemos traballando co temario de literatura nas nosas aulas de 3º ESO. Despois de vermos durante esta avaliación o tema das Cantigas de Escarnio e Maldicir, as Cantigas de Santa María e os xéneros menores (como tenzón), avanzamos agora á seguinte etapa da literatura galega, os Séculos Escuros.

Os Séculos Escuros é a etapa da literatura que comprende dende o século XIV ata o XIX, case 500 anos, onde se produciu un periodo de decadencia da literatura en galego debido a diferentes causas.

Tras case tres séculos de apoxeo, na época trobadoresca galaico-portuguesa, chegaría esta longa etapa onde se deu un retroceso e case deparición da produción por escrito das nosas letras; non así na oralidade, onde se mantivo a lingua e moita literatura de carácter oral: lendas, contos, cantigas, refráns...

Con este vídeo que deixo por aquí, poderedes facer o traballo que vos pedín para o martes.




Tamén deixo por aquí un vídeo ilustrativo sobre os Séculos Escuros que prepararou o alunado de 4º da ESO do Colexio Maristas de Lugo.

A ver se vos gusta e facemos un nós igual na seguinte avaliación!!



mércores, 28 de febreiro de 2018

Cantigas de Escarnio

Cantigas de Escarnio e Maldicir


Esta semana, nas nosas aulas de 3º ESO achegámonos ás cantigas de escarnio e maldicir, un dos grupos máis importantes de cantigas da lírica trobadoresca galaico-portuguesa xunto ás de amigo e ás de amor, nun dos momentos de máximo esplendor das nosas letras que se produciu entre os séculos XII-XIV. 

Para ter máis información déixovos este programa do ciclo Falemos de Literatura, conducido pola profesora Pilar Freitas, abordando o tema das Cantigas de escarnio e malidicir.


venres, 9 de febreiro de 2018

Entroido

Viva o Entroido!



O pasado día 9 de febreiro comezamos as nosas vacacións de Entroido no Cole San Fernando e tivemos a nosa Festa de Disfraces de todos os anos.

Este ano, a temática dos disfraces foi a gastronómica polo que tivemos moitas variedades relacionadas con este ámbito.

Nas nosas aulas de lingua galega de secundaria preparamos o Entroido de dúas maneiras: 
  • facendo algunhas coplas retranqueiras para cantar o propio día nun concurso de coplas (cun obradoiro de regueifa previo)
  • fixemos unha introdución sobre o Entroido galego, onde falamos das súas tradicións e personaxes; reparando especialmente na do Merdeiro de Vigo.

Deixo por aquí a ligazón á presentación Prezy sobre o Entroido que vimos na aula:


Tamén vai por esta beira unha Unidade Didáctica para toda aquela persoa que desexe saber máis:


Finalmente, deixamos a ligazón a unha web relacionada coa figura do Merdeiro en Vigo:

mércores, 31 de xaneiro de 2018

Premios Literarios Minerva

Concurso de relatos MInerva


As primeiras semanas despois do Nadal traballamos a escrita creativa nas nosas aulas de 3º e 4º da ESO ,co obxectivo de aprendermos as características e os requirimentos que hai que ter en conta á hora de realizar un microrrelato ou un relato breve.


Nas nosas aulas de 3º da ESO divertímonos moito creando historias ao estilo "cadáver esquisito", onde unha persoa iniciou un relato e outra diferente tivo que rematalo.


En 4º da ESO, ademais do exercicio do cadáver exquisito, fixemos tamén outro relato a partir duns sons que puxemos na aula de Abalar, ao modo dos Sonigramas dun coñecido programa cultural da Radio Galega, neste caso xa de maneira individual. Desta maneira traballamos a nosa creatividade a partir duns sons encadeados, co que tivemos que deixar voar a nosa imaxinación....

Como xa sabedes, todos os anos se convoca o Premio Literario Minerva, organizado polo Colexio Peleteiro de Compostela e nós este ano decidimos participar. Neste caso, aproveitamos algúns dos relatos feitos nas nosas aulas para envialos a concurso, e desta maneira involucrarnos nas actividades propostas por outros centros educativos da nosa contorna.

Finalmente, debido á imposibilidade de participar toda o alumnado de 3º e 4º da ESO, fixemos unha selección e decidimos enviar tres representantes de cada curso. Aquí vos deixo as historias que enviamos a concurso no día de hoxe...

4º ESO:

Clara Estévez: "As escaleiras máxicas"


Aixa García: "Un soño moi real"

Hugo Fisteus: "Doces da Mina"

3º ESO:


Antonio Lago"A chamada telefónica"

Adrián Quirós: "O can Toby"

Daniel Rodríguez: "O ciclo sen fin"


Aquí deixo a ligazón á web do Colexio Peleteiro, onde se especifican as bases do concurso...


Moita sorte a tod@s @s participantes!!!!

luns, 29 de xaneiro de 2018

Colocación do pronome átono

O pronome átono 


Nestes días de finais de febreiro andivemos ás voltas cunhas das problemáticas detectadas na comunicación oral e escrita en lingua galega no noso alumnado, a colocación do pronome átono. 


Nas nosas aulas de 3º da ESO reparamos un pouco nas diferencias entre pronomes átonos e tónicos, repasamos o cadro dos pronomes átonos e fixemos moitos exercicios para recoñecelos nun texto. Tamén botamos un ollo á colocación destes na frase, onde aprendemos as regras de posicionamento dependendo do tipo de proposición onde que estean incluídos ou da clase de palabra que os acompañen. 

En 4º da ESO, pasamos a traballar directamente a colocación do pronome átono por medio dunhas fotocopias entregadas polo profesor.

Déixovos por aquí as fotocopias entregadas sobre a colocación do pronome átono en galego:



martes, 9 de xaneiro de 2018

O Microrrelato

O Microrrelato


Estes días á volta de Nadal, tanto nas nosas aulas de 3º como de 4 da ESO, achegámonos á escrita creativa e, máis concretamente, estamos comezando a traballar co microrrelato.

Para facelo fixemos un xogo moi divertido, máis coñecido por "cadáver exquisito", que consiste na creación de diferentes microrrelatos de maneira colaborativa.

Deste xeito, na primeira parte do xogo, cada persoa encargouse de comezar un microrrelato (con dúas liñas máximo). Na segunda parte do xogo, cada persoa tivo que rematar unha historia diferente á que comezara previamente, tendo tamén que poñerlle o título ao microrrelato resultante.

Estamos pasándoo moi ben creando as nosas pequenas historias, dándolle o xiro argumental final necesario a cada relato, sintetizando ao máximo, desbotando o innecesario e quedando coa esencia do que queremos contar...

De seguro que aprendemos moito e ademais, tentaremos empregar as nosas historias no Concurso Literario Minerva, que organiza o Colexio Peleteiro...

Aquí vos deixo unha Unidade Didáctica sobre o microrrelato coa que traballaremos este xoves nas nosas aulas de ordenadores: http://bit.ly/2AIo80C


Exame Final Decembro 3º ESO

Exame Final Decembro 3º ESO



Velaquí o exame que realizamos o pasado día 18 de decembro que foi parte fundamental na nota final recibida na 1ª avaliación.


Como vedes, foi un exame ben sinxelo, xa que todos os conceptos foron vistos na aula.

Agardo que vos sirva para practicar, o que non quita que na proba de recuperación de avaliación caian os mesmos exercicios, (aínda que si semellantes).

Ligazón ao Drive: http://bit.ly/2mcnWRT

xoves, 30 de novembro de 2017

Lírica galaico-portuguesa

Lírica profana galaico-portuguesa


Esta semana que vén, nas nosas aulas de 3º ESO achegarémonos á lírica trobadoresca galaico-portuguesa, un dos momentos de máximo esplendor das nosas letras que se produciu entre os séculos XII-XIV. 

En 1º lugar faremos unha contextualización histórica para coñecermos os conceptos de feudalismo e vasalaxe, imprescindibles para coñecer a sociedade da época que nos transmiten nas cantigas.

Para ter máis información déixovos o primeiro programa do ciclo Falemos de Literatura, conducido pola profesora Pilar Freitas, abordando o tema das Cantigas de amigo e amor.


venres, 10 de novembro de 2017

EXAME 3º ESO

EXAME 3º ESO


Neste caso, tamén vai por aquí o exame que realizamos o pasado día 7 de novembro que contou para a nota da 1ª avaliación en 3º ESO, e que foi parte fundamental na nota recibida nesta metade de avaliación que se celebra en novembro.

Como vedes, foi un exame ben fácil e sinxelo, xa que todos os concepto foron vistos na aula.

Agardo que vos sirva para practicar, o que non quita que na proba final de avaliación caian os mesmos exercicios, pero si semellantes.

Ligazón ao Drive: http://bit.ly/2jkqT28

mércores, 1 de novembro de 2017

Samaín

Samaín


O pasado Samaín (1 novembro) pasámolo moi ben no noso Colexio, xa que xogamos aos xogos populares cos máis peques e despois botamos unhas risotadas cos nosos contos de medo dramatizados que contamos co noso grupo de 3º da ESO. 

Tamén nos animamos a cantar unhas regueifas (vídeo en: http://bit.ly/2ita2tB) co noso grupo de 4º da ESO, co que pasamos un bo anaco botando unhas coplas retranqueiras sobre a rivalidade Halloween - Samaín.

Que viva o Samaín!
Que viva o Cole San Fernando!

Aquí deixo unhas fotiños do día.







Tamén dispoñemos do vídeo da regueifa que fixemos entre o profe e o curso de 4º da ESO, que aínda que non se escoita moi ben, non estivo mal para ser a primeira vez e non ter practicamente ensaio.

Por aquí volo deixo, espero que vos guste: http://bit.ly/2ita2tB




mércores, 25 de outubro de 2017

Vigo Literario

Vigo Literario




O pasado martes, o noso grupo de 3º de ESO participou nun obradoiro de Literatura Galega, concedido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e impartido por Beatriz Collazo, membro da Cooperativa Trespés. Neste obradoiro puidemos coñecer algo máis sobre a historia da nosa cidade e da literatura que está relacionada con ela.

O obradoiro constou dunha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, a portuguesa ou a inglesa. Posteriormente, falamos de cuestións como a evolución urbana e social da cidade.


Para rematar, houbo outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos da obra "Os fillos do mar", de Pedro Feijoo, que ten como marco diferentes espazos de Vigo, tentouse que o alumnado fose quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Para isto, utilizouse a aplicación para a confección de mapas interactivos, chamada Ikimap.

Deixo por aquí a ligazón aos documentos cos que traballamos neste obradoiro:



luns, 23 de outubro de 2017

#DíaDasBibliotecas

Día das bibliotecas


Mañá, 24 de outubro, celebrarase o Día das Bibliotecas e para facelo, no noso grupo de 3º da ESO realizaremos un Obradoiro sobre literatura galega titulado "Vigo Literario", solicitado e concedido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo para os cursos de 3º e 4º da ESO (con 4º realizarase o día 2/11/17).

Este obradoiro pretende mostrar Vigo como espazo literario e como recurso educativo, facer visíbel a obra de autores e autoras galegos, que non sempre atopan espazo nos medios de comunicación social e dar a coñecer a propia cidade e a súa historia.

O obradoiro inclúe unha breve introdución centrada na presenza de Vigo na literatura galega e outras literaturas, como a española, portuguesa, inglesa. Trataranse cuestións como a evolución urbana e social da cidade, como nos ollan desde fóra.

Haberá unha outra parte do obradoiro cunha dinámica participativa. Valéndonos de fragmentos de obras literarias de diferentes épocas, e que teñan como marco diferentes espazos de Vigo, trataremos de que o alumnado sexa quen de os identificar sobre cartografía e imaxes da cidade. Utilizaríamos ferramentas dixitais para a confección de mapas interactivos, como Ikimap.

Duración: 1 hora e 30 minutos
Dirixido a: alumnado de 3.º, 4.º ESO
Lugar de realización da actividade: no propio centro de ensino
Necesidades técnicas da actividade: aula de informática, proxector de vídeo

martes, 17 de outubro de 2017

Lumes Nunca Máis

Incendios Nunca Máis



Ante o desastre en forma de incendios que nos azoutou esta pasada fin de semana, nas nosas aulas promovimos un debate sobre as causas, consecuencias e posibles solucións que temos nas nosas mans para evitar os incendios forestais e coidar ao máximo os nosos montes. 

Alén de debater sobre estes factores que axudan a propagación do lume, tamén falamos sobre xeografía dos montes galegos (nomeadamente os máis próximos á cidade de Vigo), léxico relacionado co lume e cos incendios e mesmo algo de toponimia relacionada cos lugares onde o lume foi máis devastador.

Para darlle un repaso a este tema, deixo por aquí unha Unidade Didáctica da AS-PG titulada "Non queimes o futuro", que traballaremosno día de hoxe nas nosas aulas de 4º da ESO:

Unidade Didáctica "Non queimes o futuro"

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO)

Exame Recuperación 3ª AV. (4º ESO) Neste post podedes atopar o exame que realizamos o pasado día 4 de xuño sobre o temario da 3ª ava...